Thursday 02 de May de 2024

O xoves remata o prazo para inscribirse na VII Carreira popular Concello de Moeche


A rolda percorrerá o recinto de San Ramón e os arredores da capital municipal o sábado a partir das 19:00h

O Concello de Moeche pechará este xoves as inscricións para a sétima edición da carreira popular, que se desenvolverá o sábado á tarde con saída e chegada no recinto feiral de San Ramón. Máis ca unha competición, a carreira é unha festa deportiva con probas adaptadas a todas as idades, desde os 75 m. que deberán correr os nenos e nenas máis pequenas -a categoría Pitufos- ata os 6,7 Km. da proba absoluta, na que se encadran as categorías Senior e Veteráns A e B. Cómpre anotarse a través da web www.galitiming.com e debe terse en conta que o límite se fixou en 350 deportistas. A participación é gratuíta para as persoas menores de idade, mentres que para o resto o custe serán 5€.

A popular comezará ás 19:00h. dándolle a saída á categoría de Pitufos -rapazada nada en 2017, 2018 ou 2019-, que só deberán percorrer dun tirón 75 metros en paralelo á Nave do Mercado, lugar no que estará situada a saída e chegada para todas as probas. Dez minutos despois o asubío soará para Prebenxamíns femininos e masculinos -anos 2015 e 2016-, neste caso sobre unha distancia de 200 metros. A da categoría Benxamín -anos 2013 e 2014- arrancará ás 19:20h para cubrir medio quilómetro de distancia por parte do centro urbano.

Tralas carreiras das nenas e nenos máis pequenos, ás 19:30h daráselle a saída conxunta ás probas Alevín, Infantil e Cadetes. A categoría de menor idade (anos 2011 e 2012) completará un circuíto de 1.000 metros, o mesmo que a Infantil (2009-2010), mentres que as rapazas e rapaces cadetes (nados de 2005 a 2008) terán que darlle dúas voltas a ese trazado -2 Km.- antes de cruzar a meta.

Se todo vai sobre o previsto, a carreira absoluta dará comezo ás 20:00h. englobando as categorías Veterán B -1972 e anos anteriores-, Veterán A -de 1982 a 1973- e Senior, onde se xuntarán participantes femininas e masculinos nacidos entre os anos 19834 e 2.004. Nese caso a distancia serán 6.700 metros, discorrendo pola capital municipal e por pistas dos arredores. O trazado é case todo asfaltado, aínda que tamén haberá algúns tramos de terra e herba.

As bases da proba popular poden descargarse da web www.galitiming.com onde tamén se terán que tramitar as inscricións e efectuar o pagamento dos 5€, que só deberán facer efectivo as persoas maiores de 18 anos. Hai un límite de 350 participantes.

A carreira ten como finalidade promocionar o deporte e un estilo de vida saudable. Non haberá premios en metálico, pero si trofeos e queixo de Moeche para quen chegue antes á meta en cada categoría, agás nas probas das nenas e nenos máis pequeniños, que levarán todos cadansúa medalla.

A organización da VII Carreira popular Concello de Moeche conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Protección Civil, Lácteos Moeche, Supermercado O Cruce, Supermercado A Tendiña Moeche, A Tenda de Iria e a clínica de fisioterapia Fisioche-Ben, ademais da axuda de varias entidades veciñais. Os supermercados achegan o avituallamento sólido e líquido do final da proba, Lácteos Moeche doa os queixos cos que se premiará ás tres primeiras clasificadas e clasificados nas categorías superiores e Fisioche-Ben ofrece de balde un servizo de recuperación do tono muscular ao remate das probas.

Para obter máis información ou consultar calquera dúbida pódese chamar ao teléfono 666 488 801 ou remitirlle un correo ao técnico municipal de deportes daniel.feijoo@moeche.gal.